Subvencións a entidades de acción voluntaria para fomento de actividades de voluntariado

Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polas entidades sen ánimo de lucro sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das seguintes áreas: 

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como: 

-Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das asociacións, así como á promoción e captación de voluntariado.
-Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.
-Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación (local, comarcal, etc.). 

b) Área de formación e participación: perséguese aquí unha modernización e adaptación permanente das entidades á realidade social a través destas liñas fundamentais:
-Gastos de formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.
-Incorporar actuacións innovadoras na aplicación de boas prácticas que sirvan de referentes, actúen como dinamizadores da participación social e favorezan a continuidade do voluntariado.
-Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades, como por exemplo o deseño e mantemento de páxinas web. 

c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando de xeito transversal as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado, así como as iniciativas de carácter experimental que acheguen solucións innovadoras. 

Beneficiario: 

Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:
-Que as entidades estean inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e que estean legalmente constituídas.
-Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarias ou voluntarios e profesionais.
-Non ter débedas no período executivo de pagamento na Comunidade Autónoma galega e restantes administracións públicas.
-Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e accidentes de todas as persoas voluntarias para o ano en curso e na data de presentación da solicitude.
Publicación: DOG de 17 de xaneiro de 2008
Data de inicio: 17.01.2008
Remata o prazo: 18.02.2008
Prazo: 1 mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG
Entidad: Xunta de Galicia