Brinca vai! Paco Nogueiras - 2

SÁBADO DÍA 20 DE DECEMBRO

ÁS 12:00 DA MAÑÁ

NO SALÓN DE ACTOS DA BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DE BARRO.

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, incorpora unha sexta proposta para pechar a edición de 2014. Trátase de Brinca vai de aquí a acolá!, un concerto-obradoiro que chegará a 26 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia nos derradeiros meses do ano, da man do actor e músico Paco Nogueiras.

Tras o éxito colleitado ata o momento polas tres actividades infantís postas en marcha polo FalaRedes –o concerto Toc Toc, a obra de teatro As fabas máxicas e o concurso Os Bolechas e o Sabichón–, Brinca vai de aquí a acolá! preséntase co mesmo obxectivo: achegar o galego á xente miúda de xeito lúdico e divertido.

Dirixido a nenos e nenas e as súas familias o concerto-obradoiro está baseado no libro-disco Brinca vai!, que triunfa entre a cativada. Unha proposta na que a música, as cancións, o humor e o enxeño toman a palabra para convidar á creatividade e a viaxar ao longo dos doce meses do ano achegándolle á xente miúda da casa as tradicións, a natureza, os xogos ou as festas populares.

No plano musical, en Brinca vai de aquí a acolá! Paco Nogueiras bota man dun amplo abano de estilos e contrastes, dende o tecno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, aínda que sen esquecer as influencias tradicionais. Atractivos ritmos cos que este divertido artista ao que sempre acompaña o seu característico chapeu non tarda en conquistar o público infantil.

A música actúa así unha vez máis como fonte de transmisión do galego ao promover que a xente miúda siga cantando as cancións tras finalizar a actividade, na que os nenos e nenas cantan, bailan e brincan, gozando dunha auténtica festa na nosa lingua.

Coma sempre en FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas. O programa de fomento do galego pechará esta terceira edición con preto de 200 sesións lúdicas a través de seis propostas de lecer no noso idioma.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 estará dispoñible no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Galería