Arquitectura popular

Entre o escaso patrimonio histórico-artístico que posúe o concello cómpre subliñar a igrexa románica do séc. XII de San Martiño de Agudelo. Crese que foi obra do mestre Mateo. Outra igrexa de interese histórico é a de Curro de comezos do XVI e que presenta algúns elementos do románico. É de estilo oxival tardío con cruceiro e adro. Polo concello hai varias capelas que tamén teñen certo interese: a capela de San Amaro, en Portela, a da Nosa Señora das Virtudes, en Barro, e as de Santo Antoniño e a de Búa no lugar de Búa.

De entre as construcións civís hai que nomear a casa A Torre e o pazo de Santo Antonio.

Muíños do Río Barosa

Localización
Parroquia: Barro (San Breixo) |

Lugar: Maquieira, A

Descrición
Trátase dun conxunto de muíños que se estenden pola cascada do río Barosa e pola parte superior. É rechamante esa situación dos muíños pola que, coa caída da auga o son que ocasiona e o bonito do lugar, produce admiración nos visitantes. Esta zona foi acondicionada para as visitas, restaurándose algúns muíños e consolidando as estruturas doutros, xunto a unha intervención na natureza do lugar. Dese modo hai camiños e pontes para poder gozar da zona, así como áreas de descanso e merendeiro. O visitante ademáis pode darse un baño nas pozas que se forman.

Peto de Ánimas de Porráns

Localización
Parroquia: Barro (San Breixo)

Lugar: Porráns

Descrición 
Peto de tipo aberto, sen protección e, agora tamén, sen policromía. Tiña caixón de esmolas, pero na actualidade só conserva o oco. O retablo é de pedra, antigamente pintado en ocre, pois encóntranse restos desta cor . Preside un Cristo acompañado de San Francisco á dereita, e da Virxe do Carme á esquerda. Da corda que suxeitan os dous, cóllense as cinco almas para poder conseguir librarse do lume que as atormenta.