Actividades de aire libre e campos de traballo

  • O programa Conecta con Galicia desenvolverase nas seguintes modalidades:

    1. Actividades de aire libre: convócanse 174 prazas, para mozos e mozas residentes fóra de Galicia, con idades comprendidas entre os 14 e os 20 anos, en dúas quendas de doce (12) días de duración cada unha, durante o mes de xullo, en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia, para a realización das seguintes actividades:
    a) Cultura e camiño. As persoas participantes aloxaranse seis (6) días, preferentemente, nas residencias xuvenís LUG II en Lugo e Florentino López Cuevillas en Ourense, participando en actividades para coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas e percorrendo o Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Compostela.
    b) O mar de Galicia. Os seis (6) días restantes aloxaranse en zona de costa, preferentemente, no albergue xuvenil Gandarío en Bergondo (A Coruña), onde realizarán actividades de náutica, de recreo e de coñecemento do medio mariño

    A distribución do número de prazas para cada país de orixe, idades e quendas detállase no anexo I.

    2. Campos de traballo: convócanse 22 prazas para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do Programa de campos de traballo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre.

    A distribución do número de prazas para cada país de orixe, detállase no anexo II.

    Beneficiarios:

    Os mozos e mozas, que residen fóra de Galicia.

    Obrigas das persoas beneficiarias
    1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
    2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. O non cumprimento destas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade.
    3. No caso de baixa ou renuncia ao programa, as persoas beneficiarias deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de quince (15) días antes da viaxe, a causa da renuncia. No caso de que non comuniquen a súa baixa ou renuncia con antelación á viaxe, poderán ser penalizados con non ser beneficiarias de edicións futuras do programa.

    Requisitos:

    a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.
    b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
    c) Ter a nacionalidade española.
    d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.
    e) As persoas participantes en actividades de aire libre deberán ter, a 30 de xuño de 2015, unha idade comprendida entre os 14 e os 20 anos.
    f) As persoas participantes na modalidade de campos de traballo deberán ter, a 30 de xuño de 2015, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.
    g) Non ter participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.
    h) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda do custo da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano desta convocatoria.

    Para as prazas financiadas ao 50 % da axuda do custo da viaxe, as persoas solicitantes non poderán ter ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria.

    Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

    Para o resto das prazas, non se establecerá límite de ingresos.

    Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

     

    A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.Solicitude normalizada segundo o anexo III desta Resolución, acompañada da seguinte documentación:

    • a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

      DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade da persoa solicitante ou unha certificación consular, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente da persoa solicitante.

    • b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

    • c) Unha fotografía recente tamaño carné.

    • d) Documentación acreditativa de atoparse vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para as persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos e non residan en España.

    • e) Para as persoas participantes procedentes do resto de España, un certificado de residencia, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

    • f) Un certificado médico conforme o modelo oficial que figura como anexo V, de non padecer enfermidade infecto- contaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

    • g) Para as persoas participantes que opten por prazas financiadas ao 100 % ou ao 50 % pola Administración, unha certificación ou un xustificante acreditativo dos ingresos brutos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas interesadas e os membros da súa unidade económica familiar. No caso de imposibilidade xustificada de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración responsable.

      Aqueles membros que convivan coa persoa solicitante e non teñan ingresos económicos deberán xustificalo (certificación negativa do Anses para os maiores de 18 anos que sexan residentes en Arxentina) ou se non é posible, deberán entregar unha declaración xurada de que non perciben ingresos de ningún tipo.

    • h) As persoas solicitantes menores de idade deberán presentar unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxar sós e para a súa asistencia á actividade conforme o modelo que figura como anexo IV.

    • i) Unha autorización asinada polos pais ou titores legais para as persoas solicitantes menores de idade que desexen quedar coa súa familia en Galicia ao rematar a actividade, indicando os datos dos familiares responsables que se farán cargo deles, conforme o modelo que figura como anexo IV.

      As persoas solicitantes que foron admitidas a sorteo no último ano da convocatoria de campamentos, actividades de aire libre ou campos de traballo non terán que presentar a documentación das alíneas a), b) e d).

  • A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

    A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

    As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

  • As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo III desta resolución, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

    As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

    * En Brasil:
    - Peña Gallega da Casa de España de Río de Janeiro.
    - Sociedad Hispano Brasileña de Socorros Mutuos e Instrucción de São Paulo.
    - Sociedad de Socorros Mutuos y Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

    * En Cuba:
    - Federación de Sociedades Gallegas en La Habana.

    * En Venezuela:
    - Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

    A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

    As entidades galegas remitiranlle todas as solicitudes recibidas, xunto co resto da documentación, á Secretaría Xeral da Emigración nos catro (4) días seguintes á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Este prazo só será ampliado logo de autorización expresa da Secretaría Xeral da Emigración.

    Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Na súa solicitude, as persoas interesadas optarán unicamente por unha das modalidades (actividades de aire libre ou campos de traballo), e farán constar a súa preferencia para o regreso en función da quincena en que vaian participar.

  • O modelo normalizado de solicitude tamén poderá obterse na páxina web: http://emigracion.xunta.es

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.