Skip to content

O Concello de Barro adxudica 500 luminarias LED máis, que se financiarán con fondos Next Generation

O Concello de Barro está apostando moi forte pola renovación e modernización da súa rede de alumeado público, co obxectivo de conseguir un mellor servizo e de abaratar o enorme gasto que supón a electricidade para as arcas municipais.

Ata o momento a entidade municipal xestionou distintos proxectos que permitiron a implantación de tecnoloxía LED en arredor de 650 luminarias e neste momento vén de adxudicar un novo contrato que permitirá a renovación doutras 513, co que acadará a cifra de 1.156 luminarias este mesmo verán.

Este novo proxecto vaise executar no lugar de Bretoña e en varios lugares das parroquias da Portela, Perdecanai, Valiñas e Barro. O custo do mesmo será de 239.593,31 euros, que se financiarán con fondos europeos Next Generation captados polo concello a través do programa DUS 5000.