OFERTA DE INSTALACIÓNS XUVENÍS

A Consellería de Traballo e Benestar é consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a xuventude, incluídos os centros educativos,  non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para a execución do seu traballo.

En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de proxectos de educación non formal do seu interese e sen ánimo de lucro, regula mediante este procedemento de oferta concertada fóra do período ca Campaña de verán o réxime de utilización das súas instalacións xuvenís entre o 1 de marzo e o 14 de xuño de 2015.

 

OBXECTO

Mediante o procedemento de oferta concertada fóra do período da Campaña de verán, a Consellería de Traballo e Benestar oferta o uso de cinco das súas instalacións xuvenís, para unha estadía máxima de 14 días, durante o período comprendido entre o 1 de marzo e o 14 de xuño.

 A utilización das instalacións por parte dos beneficiarios deberá referirse á realización de actividades de educación non formal coa xuventude.

 

INSTALACIÓNS, NÚMERO DE PRAZAS OFERTADAS E DURACIÓN DA OCUPACIÓN

Mediante esta convocatoria poderá solicitarse o uso das seguintes instalacións xuvenís, de titularidade da Consellería de Traballo e Benestar:

a)    Ata un máximo de 120 prazas no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo, A Coruña.

 

b)    Ata un máximo de 100 prazas no albergue xuvenil Area en Viveiro, Lugo.

c)     Ata un máximo de 50 prazas no albergue xuvenil Benigno Quiroga en Portomarín, Lugo.

d)    Ata un máximo de 120 prazas no albergue xuvenil As Sinas en Vilanova de Arousa, Pontevedra.

e)    Ata un máximo de 48 prazas no albergue xuvenil de Pontemaril en Forcarei, Pontevedra.

No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes ás persoas membros do equipo de animación, no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen aos mozos e mozas en calidade de responsables destes, ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

Poderá solicitarse o uso das instalacións para estadías de ata un máximo de 14 días.

SERVIZOS OFERTADOS E DURACIÓN DAS QUENDAS

O uso das instalacións suporá dispoñer:

  • Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.
  • Do material existente na instalación, excluído o de actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación.
  • Do servizo de xerencia.

O primeiro servizo de alimentación será a comida do día da incorporación e o último, o almorzo do día seguinte ao último día de estancia concedido.

ENTIDADES E GRUPOS DESTINATARIOS

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. Os consellos locais e municipais de xuventude.

3.  As corporacións locais.

4. Os centros educativos.

5. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades de educación non formal coa xuventude.

6. Grupos de mozos e mozas que organicen actividades de educación non formal dirixidas á xuventude e sen ánimo de lucro e, en todo caso, para os efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como beneficiario, lle corresponden. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

SOLICITUDE

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Xunto coa solicitude deberá achegarse a copia do DNI da persoa representante da entidade ou grupo solicitante, no caso de que non se autorice expresamente a comprobación de datos por medio do acceso electrónico ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas.

Anexo I procedemento BS306A (GALEGO / CASTELÁN )

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será de 2 meses que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN

• ORDE DE PREFERENCIA

Para o caso de presentarse varias solicitudes para unha mesma instalación e data, establécese a seguinte orde de preferencia:

1) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na comunidade autónoma galega, e censadas ou rexistradas como entidades prestadoras de servizos á xuventude no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2) Consellos locais e municipais de xuventude galegos.

3) Corporacións locais galegas.

4) Grupos de mozos e mozas de Galicia que organicen actividades dirixidas á xuventude sen ánimo de lucro e, en todo caso, para os efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas.

5) Centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

6) Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que realicen actividades de educación non formal coa xuventude.

7) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, centros educativos, entidades públicas ou privadas que realicen actividades de educación non formal coa xuventude e grupos de mozos e mozas, domiciliados noutras comunidades autónomas.

• PRIORIDADE

Pola súa banda, dentro do previsto no parágrafo anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas e/ou de días ata o tope máximo de cada instalación.

b) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente ás persoas membros ou socias.

c) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar as persoas participantes.

• RENUNCIAS

No caso de que algunha entidade renuncie ás prazas adxudicadas, estas quedarán dispoñibles para calquera solicitante que as demande e cumpra os requisitos esixidos no artigo 3 da orde (alínea “entidades e grupos destinatarios"), e conforme ao procedemento sinalado no artigo 8 da orde reguladora (dispoñibilidade das prazas no ocupadas). As renuncias serán sempre respecto do total das prazas adxudicadas e deberán formalizarse mediante correo electrónico no seguinte enderezo: ofertaconcertada.benestar@xunta.es

INSTRUCIÓN E RESOLUCIÓN

• INSTRUCIÓN

As solicitudes presentadas serán examinadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto e que estará integrada por:

  • O/a xefe/a do Servizo de Programas, que a presidirá
  • Os/as xefes/as dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou o/a funcionario/a en quen deleguen.
  • Un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado designado/a polo/a director/a xeral, que actuará como secretario/a.

• RESOLUCIÓN

Esta comisión, unha vez valoradas as solicitudes conforme os criterios mencionados anteriormente, presentaralle unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que deberá ditar a correspondente resolución no prazo de 10 días.

A resolución seralles notificada a todas as persoas solicitantes no prazo máximo de catro meses, que comezará a contar desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que recaia unha resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución non esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses, que comezará a contar a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

DISPOÑIBILIDADE DAS PRAZAS NON OCUPADAS

No caso de que unha vez adxudicadas as prazas conforme aos sinalado anteriormente quedasen prazas sobrantes, estas poranse a disposición de calquera entidade ou grupo interesado que cumpra os requisitos do artigo 3 da orde reguladora, mediante a apertura dun novo período de solicitudes en fase de resultas.

As prazas dispoñibles nesta fase de resultas serán publicadas nesta páxina web nos dez días seguintes á data da resolución de adxudicación das prazas.

Unha vez publicadas as prazas dispoñibles, as entidades e grupos interesados remitirán a súa solicitude de prazas mediante un correo electrónico, no enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.es cunha antelación mínima de 7 días á data de inicio da estadía que se solicita.

As entidades e os grupos que remitisen o anexo de solicitude no prazo de dous meses previstos na orde de convocatoria e non resultasen adxudicatarios, por aplicación dos criterios de adxudicación, terán prioridade respecto doutros/as solicitantes que as demanden por primeira vez. Disporán da prioridade sinalada durante un prazo de 10 días contado a partir da publicación das prazas de resultas na páxina web.

A adxudicación das prazas de resultas realizarase por orde de recepción de solicitudes, sen prexuízo da prioridade sinalada no parágrafo anterior; para estes efectos, a adxudicación de prazas entre as entidades e grupos solicitantes con prioridade realizarase, así mesmo, por orde de recepción de solicitudes no prazo de 10 días sinalado.

RESERVA DE PRAZAS E PRIMEIRO PAGAMENTO

Unha vez recibida a resolución, os/as beneficiarios/as están obrigados/as, no prazo de 10 días:

a) A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25% do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable nin descontable no seguinte pagamento, no caso de que decaese a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, se a entidade adxudicataria anulase a reserva de utilización da instalación, reducise o número de usuarios/as previstos/as ou os días de uso solicitado.

 

b) A presentar, no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á provincia na que estea a instalación adxudicada, a seguinte documentación:

  • Breve proxecto de actividades que se van realizar.
  • Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.
  • Xustificante do aboamento do 25% expresado anteriormente.

Se unha vez transcorrido o prazo de 10 días desde a notificación da adxudicación non se cumprise o disposto no parágrafo anterior, declararase expresamente, mediante a resolución oportuna, o incumprimento das condicións da resolución de adxudicación e as prazas adxudicadas quedarán a disposición dos/as demais solicitantes, conforme ao procedemento sinalado no artigo 8 da orde de convocatoria (alínea “dispoñibilidade de prazas non ocupadas”).

AUTORIZACIÓN DE USO TEMPORAL E SEGUNDO PAGAMENTO

Unha vez transcorridos 15 días desde a finalización do prazo establecido anteriormente, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación e aboar o 75% do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de persoas usuarias ao inicio da actividade é menor ao confirmado, ou se o número de días é, así mesmo, inferior ao confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia na que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación das persoas responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións esixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG núm. 49 do 10 de marzo) no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

Nos cincos días anteriores ao comezo da ocupación deberá presentarse, no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial, a relación de usuarios/as das prazas adxudicadas, xunto coa copia do carné de alberguista de cada unha das persoas incluídas nela.

Unha vez cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se logo de transcorrer os diferentes prazos establecidos as entidades beneficiarias non fixesen os pagamentos correspondentes, declararase expresamente, mediante a resolución oportuna, o incumprimento das condicións da resolución de adxudicación e as prazas adxudicadas quedarán a disposición dos/as demais solicitantes, conforme ao procedemento sinalado no artigo 8 da orde de convocatoria (alínea “dispoñibilidade de prazas non ocupadas”)

OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS

Os/as adxudicatarios/as estarán obrigados/as a:

1. Cumprir os requisitos esixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG núm. 49 do 10 de marzo), modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro (DOG núm. 25 do 6 de febreiro), de adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos do mercado interior e demais lexislación vixente no caso de realización de actividades comprendidas no seu ámbito de aplicación.

2. Observar as normas de réxime interno da instalación da que sexan adxudicatarios/as, así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

3. Responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles se deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto. As actividades que desenvolva o grupo non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, polo que os riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolva a entidade ou grupo serán responsabilidade exclusiva da dita entidade ou do grupo adxudicatario.

4. Aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

5. As persoas que ocupen as prazas adxudicadas á entidade, asociación, centro ou grupo non formal adxudicatarios/as deberán estar en posesión do carné de alberguista.

 

TARIFAS

Os prezos dos servizos ofertados nesta orde serán os recollidos na Orde pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, vixente para o ano 2015. Para o caso de non estar publicada esta orde na data de resolución das solicitudes, resultarán de aplicación os prezos establecidos na Orde do 23 de decembro de 2013 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2014 (DOG nº2 do 3 de xaneiro de 2014).

 

O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se atoparán a disposición das persoas interesadas na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou en calquera xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

PROTECCIÓN DE DATOS

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizasen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado “Actividades dirixidas á cidadanía” coa finalidade de xestión da actividade. O responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou por correo electrónico no enderezo: sx.traballo.benestar@xunta.es